24/09/20

ADESTRAMENTO ONLINE

Pois aínda que tiñamos previsto publicar xa este mércores algunha proposta presencial, aínda non temos todas as confirmacións. Imos con todo, coa nosa primeira proposta deste curso; os grupos de adestramento online.

O curso desenvolverase de outubro a decembro.

Os luns (empezando o día 5/10/2020) publicaremos un videos sobre unha apertura e material diverso doutros temas. Entre visionado e lectura dará para unha hora aproximadamente, aínda que variará segundo o nivel do participante. Os anotados poden velo cando desexen.

Os mércores os participantes terán unha pequena charla de media hora por zoom ou similar co MI Wilson Palencia, xogador de Venezuela, á que representou nas Olimpiadas de Xadrez, e que durante un tempo foi o director técnico de AGAX. Tras a explicación os membros do grupo xogarán un torneo cunha apertura determinada (a apertura da que se fale o luns). 

Cada grupo de adestramento estará formado por un máximo de 8 persoas. Para facer mais persoal o adestramento, algunhas das partidas dos torneos aparecerán comentadas nas semanas seguintes. Ademais unha vez durante o trimestre cada un dos alumnos terá oportunidade de contar cunha clase persoal de 45 minutos con Wilson Palencia.

As primeiras clases dos mércores serán dos seguintes temas: 1-Aprender a evaluar posicións con Moskalenco, 2-Puntos de ruptura, 3-Sacrificios posicionais, 4-Tipos de centro e 5-Carreira de tempos no ataque. Os temas seguintes serán escollidos en función da evolución dos grupos.

GRUPO A. SUB 14 (Aínda que a idade é o de menos no xadrez)
Mércores de 17,00 a 18,15.

GRUPO B. Maiores
Mércores de 19,00 a 20,15.

Os grupos empezarán en canto haxa un mínimo de 5 en cada un deles.

Custo: 40 euros polo trimestre.

Que inclue:

- Grupo reducido de 8 persoas con seguimento persoal.
- Material dos luns
- Clase en zoom os mércores de 30 minutos.
- Torneo posterior coa presenza sempre que sexa posible do propio Wilson Palencia.
- A final do curso aquel xogador que lograse gañar a Wilson (ou se hai moitos quen o fixera mellor) recibirá un trofeo.
- Unha clase particular de Wilson Palencia de 45 minutos onde resolver calquera tipo de dúbidas.

E por 10 euros mais no trimestre.
Como sabedes a nosa economía non vai ben tras parar dende marzo, pero aínda así somos quen de estirarnos e se axudas ao club con 10 euros mais terás dereito a:

- Camisola do CIDU (a de Come-Durme-Xoga)
- O libro Finais Básicos da Colección de Libros de AGAX.
- Unha máscara hixiénica de INCUDE con tema de xadrez (están encargadas)
- E o que fará que se anote o presidente do CIDU; un vale de Pizza Mediana dos nosos colaboradores de PizzaMovil.

Anímate a colaborar.

Para inscribirse: mensaxe de whatsapp ao 654603716 co nome e o grupo (e xa respostaremos coas instruccións de pago) ou ao correo escola@xadrezuniversitario.org

Tamén pódenos escribir para suxerir outro día para facer grupo ou se sodes 5 e queredes outra hora intentar cuadrar xa unha data que veña ben.

22/09/20

Un curso atípico

A estas alturas aínda non temos todo listo para o inicio do novo curso, parecera que a COVID ralentizase a algunha xente ou impedira a toma de decisións.

Escudados en protocolos varios, botan o balón duns a outros, ao modo que fan certas administracións.

O certo é que imposible unha actividade absolutamente segura, haxa ou non virus por medio. Tentaremos facer unha actividade onde a maioría sintase cómoda e acepte o nivel de risco. Pero sempre algúns percibirán risco (a enquisa do CIS da semana pasada dicia que a metade da poboación é partidaria de endurecer as medidas preventivas).

Pensamos publicar este mércores algunhas das nosas propostas online e presenciais e deixamos unhas poucas horas por se alguén quere facer unha suxerencia, sexa por algo que ten pensado, sexa por algo que se lle ocurra tras leer estas liñas.

Algunhas cousas:

* A antiga cafetaría do CUR non reune o mínimo para facer actividades alí, xa que non hai ventilación. Sobre o resto do edificio hai moita presión de uso xa que mesmo están a darse clases de facultades que non teñen espazo nos seus respectivos edificios. Loxicamente asumimos que primeiro vai a docencia universitaria que a actividade de xadrez.

* Sobre espazos alternativos que temos usado, a Normal este curso non vai acoller actividades presenciais da Universidade Senior, polo que parece lóxico que non se farán os grupos que tíñamos alí, e mesmo o colexio que está no mesmo edificio suspendeu todas as extraescolares ata o mes de xaneiro. No caso do Sporting Club Casino, agora para entrar na rúa Real é necesario contar co carnet de socio.

* A Escola está en ERTE dende marzo e para sair do ERTE habería que ter a carga de traballo que o permita, cousa que agora non acontece. Moitos colexios aínda non comentaron nada da súa actividade extraescolar e outros fixerono para comunicar a súa cancelación.

*  Por outra banda aínda que practicamente houbera a mesma actividade xa hai pais que comentaron a súa inquedanza polo feito de que os monitores asistan a varios centros. Hector por exemplo o ano pasado iba a sete centros distintos a dar clases.

Así que estamos diante dunha nova situación na que temos perdido a actividade de Xadrez Senior e Xadrez e Alzheimer e boa parte da actividade dos colexios, polo que posiblemente a liña de actuación no curso 2020-2021 sexa a de fomentar as clases online (mañán anunciaremos o noso modelo) e no presencial facer poucos grupos, con pouca xente e de maior duración. Prácticamente non hai ningunha posibilidade de que continuen este ano os grupos típicos do noso club dunha hora á semana. Unha vez usada a sala quedaría inutilizable e non compensa por unha soa hora.

Calquera idea será ben valorada. En calquera caso este mércores publicaremos as propostas que temos argallado para empezar en outubro.

As fotos corresponden ao Campionato de España de Segunda División onde houbo un brote, a asemblea da Federación Española e da Liga Portuguesa (as dúas últimas da pasada fin de semana). Parece que algúns toman a cousa con mais lóxica ou seriedade que outros.

20/09/20

Vencedor do curso 2019-2020

Tras sumar os puntos obtidos nos tres circuitos que houbo o ano pasados, gañados por José Manuel Andión, Florencio González e Fran Pedreira (este circuito todo online durante confinamento) o resultado foi que José Manuel Andión foi o mellor no curso 2019-2020.